Diario Oficial de Galicia
venres, 20 de abril de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

77


Páxina do Dog:

6.396


Data da Disposición:


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR


Rango:

Resolución


Título:

Resolución do 21 de marzo 2007 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións para a creación de empresas e integración laboral da muller como estímulo a mulleres emprendedoras de Galicia (programas Emega 1 e 2) e se procede á súa convocatoria.



Resolución do 21 de marzo 2007 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións para a creación de empresas e integración laboral da muller como estímulo a mulleres emprendedoras de Galicia (programas Emega 1 e 2) e se procede á súa convocatoria.

O Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, atribúelle á Vicepresidencia as competencias en materia de igualdade de xénero, que serán exercidas de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados na Constitución española.

Ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, a de elaborar plans de actuación, programas piloto e plans-ponte para fomentar o emprego e facilitar a formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade no ámbito laboral e formativo.

Esta resolución pretende apoiar as mulleres emprendedoras, estimulándoas mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que

se establezan como empresarias e deste xeito acaden a súa propia integración laboral e contribúan á creación de postos de traballo.

A través das axudas previstas nesta resolución, establécese un decidido apoio ás mulleres emprendedoras, as axudas ás iniciativas empresariais que poidan promover as mulleres baixo fórmulas de asociación en cooperativas, sociedades laborais e autoemprego como traballadoras autónomas ou mediante a constitución de calquera outro tipo de sociedade legalmente prevista, dando continuidade a un programa básico de fomento, constitúen medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos e corrección de desequilibrios rexionais que sirvan para reducir a taxa de paro feminino que certamente segue sendo máis elevada que a do home.

A este apoio cómpre engadir as actuacións dirixidas ao fomento daquelas iniciativas empresariais derivadas de proxectos de investigación e desenvolvemento en innovación liderados por mulleres aplicados a unha actividade económica que constitúen un valor engadido sobre a economía tradicional e polo tanto requiren de medidas de apoio de obrigado desenvolvemento por parte dos organismos de igualdade.

Esta resolución supón polo tanto a convocatoria unificada de distintas liñas de apoio ás mulleres emprendedoras en función da cualificación da iniciativa empresarial que poñan en marcha, liñas que se enmarcan dentro das medidas que este organismo

ten programadas para este exercicio no eido do amplo obxectivo de mellora da empregabilidade das mulleres.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, establécense os requisitos xerais ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta resolución, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo o exposto, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Capítulo I
Finalidade e réxime das axudas
Artigo 1º.-Finalidade.
O obxecto desta resolución é fixar as bases reguladoras e a convocatoria pública para o ano 2007, das axudas e subvencións establecidas polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, en réxime de concorrencia competitiva, para apoiar o establecemento da muller como empresaria, como medio axeitado para a súa integración laboral, baixo calquera forma de sociedade, cooperativa, ou establecemento como traballadora autónoma, con domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, preténdese tamén darlle continuidade á liña de apoio a aquelas iniciativas económicas e empresariais resultantes da aplicación de proxectos innovadores de investigación e desenvolvemento á actividade profesional onde o liderado feminino é salientable e que supoñan a apertura e consolidación de novas vías para o emprego a través da aplicación da innovación sobre calquera eido dos sectores produtivos da economía galega, ben sexa polo desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas e da aplicación de novas fórmulas sobre a produción, a distribución ou coa achega ao mercado de produtos anovadores coa perspectiva de consolidación constituíndo unha opción significativa de cara á mellora no emprego das mulleres galegas, incluíndo aquelas iniciativas empresarias lideradas por mulleres, empresariais autónomas ou empresas constituídas baixo calquera fórmula societaria na cal as mulleres teñan participación maioritaria, que puxesen en marcha un proxecto innovador a partir de xaneiro de 2006 e onde terán preferencia as que se incorporan á actividade laboral despois da súa participación en proxectos de investigación avalados por unha universidade galega ou por organismos e entidades a elas vinculados ou dependentes a través dos seguintes programas:

-Programa Emega 1, programa de integración laboral da muller a través da creación de empresas.

-Programa Emega 2, programa de desenvolvemento de emprendementos innovadores liderados por mulleres.

Artigo 2º.-Financiamento.
As accións incluídas nesta resolución financiaranse con cargo á partida orzamentaria 05.80.313B.470.0 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e o importe global destinado a elas ascende a 2.000.000 A, desta contía da cal o FSE achega o 80% e o Servizo Galego de Igualdade o 20% dedicarase arredor do 75% ao programa Emega 1 e arredor do 25% ao programa Emega 2. Esta contía poderá incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Normativa aplicable.
A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ao disposto nesta resolución, no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis, no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2007; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; nesta resolución e demais normativa de aplicación.

En canto á información e publicidade das accións que se realicen ao abeiro desta resolución rexerá o disposto no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e demais normativa de aplicación.

Artigo 4º.-Beneficiarias.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) Programa Emega 1:
a.1) As mulleres individualmente consideradas que, atopándose en situación de desemprego cunha antigüidade mínima de tres (3) meses inmediatamente anteriores ao inicio da actividade, se establezan como traballadoras autónomas ou se cons

titúan baixo unha forma societaria de carácter unipersoal, que desenvolvan, de xeito habitual, a súa actividade profesional na empresa para a que se solicita subvención e creen, polo menos, un posto de traballo por conta allea desempeñado por unha muller e que teñan o inicio da súa actividade entre o 1 de marzo de 2006 e o 28 de febreiro de 2007.

a.2) As mulleres que atopándose en situación de desemprego, e polo menos unha delas cunha antigüidade mínima de tres (3) meses inmediatamente anteriores ao inicio da actividade, se unan ou asocien, e creen postos de traballo de, polo menos, dúas das mulleres, tendo que ser unha delas obrigatoriamente a que leve os tres meses desempregada.

Os postos de traballo, sexan por conta propia ou por conta allea, que se creen para dar cumprimento ao establecido nesta alínea a), teñen que estar cubertos por un período mínimo de cinco anos, computados desde que se producen as altas correspondentes no sistema da Seguridade Social ou mutualidades profesionais.

b) Programa Emega 2:
b.1) As empresarias autónomas, incluídas as sociedades unipersoais, que iniciasen a actividade profesional entre o 1 de xaneiro de 2006 e a data de finalización de presentación de solicitudes, partindo dunha situación de inactividade laboral ou ben que se constitúen en empresarias coa fin de mellorar a súa empregabilidade, e que desenvolvan, de xeito habitual, a súa actividade profesional na empresa para a que solicitan a subvención.


b.2) As empresas participadas maioritariamente por mulleres que iniciasen a súa actividade entre o 1 de xaneiro de 2006 e a data de finalización de presentación de solicitudes e nas cales a maioría das mulleres acceden á condición de socias partindo dunha situación de inactividade laboral ou ben adquiren esta condición de socias co fin de mellorar a súa empregabilidade e que desenvolvan, de xeito habitual, a súa actividade profesional na empresa para a que solicitan a subvención. En todos os casos cumprirase o requisito mínimo de existencia dunha socia que desenvolve o seu traballo na empresa.

2. Para os efectos do cumprimento do requisito de creación de postos de traballo por conta allea non se computarán os contratos de interinidade.

3. Para os efectos do establecido na alínea b) deste artigo, considerarase que se constitúen en empresarias para a mellora da súa empregabilidade as mulleres que poñen en marcha o seu proxecto empresarial logo da súa participación como bolseiras ou colaboradoras en proxectos innovadores tutelados polas universidades galegas, ou ben, aquelas que o fan despois do desempeño por conta allea dun traballo en empresas delas dependentes relacionado coa actividade obxecto de subvención.

4. A opción das interesadas á subvención dun ou outro programa, cando reúnan os requisitos de ambos os dous, expresarase no anexo I de solicitude.

Artigo 5º.-Axudas.
1. As axudas consistirán nunha subvención, e por unha soa vez, que como máximo será de 18.000 euros para o programa Emega 1 e de 10.000 euros para o programa Emega 2. Esta subvención non poderá superar o 50% do orzamento total do proxecto reflectido no programa de investimentos (anexo IV) deducido o importe correspondente á provisión de fondos, e a súa concesión será compatible con outros programas elaborados polas administracións públicas, agás que se trate de subvencións do mesmo tipo, concepto e finalidade. A suma total das axudas percibidas para o desenvolvemento do proxecto empresarial non pode exceder do 55% do seu custo total, respectando os límites establecidos nesta resolución. As axudas de ambos os dous programas son incompatibles e non procederá este tipo de subvención cando se percibise con anterioridade.

2. Estas axudas están destinadas a sufragar gastos derivados da posta en marcha e funcionamento das empresas nos períodos establecidos no artigo anterior. Consideraranse gastos susceptibles de subvención os destinados á man de obra empregada na reforma ou adecuación do local (desagregada e xustificada segundo se exixe no anexo IV), a adquisición de mercadorías co límite máximo de 3.000 euros, o material funxible, o alugueiro do local e maquinaria, os gastos correntes (auga, luz, teléfono e similares), taxas por autorizacións administrativas e os gastos de elaboración do cartel informativo exixido no artigo 16. Tamén se incorporan como gastos susceptibles de subvención os derivados da substitución das socias ou empregadas por motivos de permiso maternal ou coidados durante o embarazo co sentido de colaborar desde a Administración a facer compatible a maternidade coa posta en marcha da empresa. Non se consideran gastos subvencionables os correspondentes a stock, construción de edificios, leasing, gastos de persoal salvo os indicados anteriormente, os derivados de obrigas tributarias non subvencionables e todos aqueles que poidan ser considerados como investimentos en capital fixo.

Capítulo II
Procedemento
Artigo 6º.-Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se publica como anexo I, no cal teñen que indicar o tipo de programa para o que solicitan a subvención, no rexistro do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, xunto coa documentación que se relaciona:

a) Se a solicitante é persoa física, copia compulsada do DNI; se é persoa xurídica, copia compulsada do documento de constitución da sociedade, copia

compulsada do DNI de todas as socias, ou socios no caso do Emega 2, da documentación acreditativa da representatividade suficiente para actuar en nome da entidade e do CIF da empresa.

b) Datos da promotora (anexo II). Cando se trate de sociedades, presentarase un anexo por cada socia e cando se trate do programa Emega 2 presentaranse os currículos das persoas promotoras.

c) Informe orixinal de vida laboral, actualizado, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e/ou pola mutualidade profesional, da empresaria autónoma ou de todas as socias, segundo corresponda.

d) Copia compulsada das altas das promotoras no réxime correspondente da Seguridade Social e/ou mutualidade profesional, segundo corresponda.

e) Copia compulsada da alta fiscal da empresa na actividade económica.
f) Memoria descritiva e memoria económica do proxecto da actividade, segundo os anexos III e IV desta resolución. Ás solicitudes para o programa Emega 2 xuntarase unha memoria complementaria que referirá, polo menos, os seguintes extremos: descrición detallada do proxecto, experiencias de implantación, situación e/ou conexión no mercado, destino do produto, necesidades que se van cubrir, ámbito de desenvolvemento e localización, sectores económicos afectados, descrición detallada de investimentos (incluíndo relación de facturas), fontes de financiamento, descrición de medios humanos, situación laboral-familiar das traballadoras; entidades, empresas ou administracións de apoio ao proxecto, etc.

g) Compromiso expreso de creación de postos de traballo por conta allea (anexo V).

h) Declaración actualizada do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (anexo VI).

i) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta da solicitante en que conste: o código de banco, o código de sucursal, o díxito de control e o código de conta corrente.

j) De ser o caso, documentación acreditativa das situacións específicas obxecto de valoración segundo o establecido no artigo 9º.

Artigo 7º.-Prazo.
1. O prazo de presentación de solicitudes é de trinta (30) días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, as unidades administrativas encargadas da tramitación dos expedientes requirirán as interesa

das para que, no prazo de dez días, acheguen os documentos preceptivos ou emenden os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixesen, teranse por desistidas da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.
1. A directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller designará unha comisión de valoración, que estará composta, polo menos, por tres membros, a presidenta, que será a secretaria do organismo, e dous vogais, actuando un deles como secretario. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a directora xeral. Para o estudo das solicitudes do programa Emega 2 a comisión poderá solicitar asesoramento para a avaliación dos proxectos de persoas expertas designadas polo departamento competente en innovación e desenvolvemento da Xunta de Galicia.

2. Unha vez avaliados os expedientes e determinados os gastos subvencionables previstos para cada proxecto, a comisión de valoración establecerá a puntuación mínima, tendo en conta o crédito orzamentario establecido no artigo 2 e presentará, á directora xeral, a correspondente proposta de adxudicación.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.
1. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas, valorando os proxectos debidamente xustificados conforme o seguinte baremo:

a) Para o programa Emega 1:
a.1) Experiencia laboral da promotora: máximo 20 puntos.
a.2) Número de postos de traballo que se vaian crear, tendo en conta a duración e características do contrato na súa totalidade, con consideración especial para aqueles que vaian ser desempeñados por mulleres desempregadas e paradas de longa duración con especiais dificultades de acceso ao mercado laboral, así como os postos de traballo desempeñados por mulleres que se atopen en situación de especial dificultade derivada da violencia de xénero ou risco de exclusión social.

a.2.1) Características dos compromisos das contratacións por conta allea: máximo 30 puntos.

a.2.2) Tipos de contratos a mulleres por conta allea: máximo 40 puntos.
a.2.3) Postos de traballo das propias promotoras do proxecto: máximo 30 puntos.
a.2.4) A valoración dos postos de traballo que se creen por conta propia e os que se creen por conta allea con contrato indefinido incrementarase en 15 puntos cando sexan desempeñados por mulleres que

se incorporan ao mercado laboral en situación de violencia de xénero ou con risco de exclusión social ou despois dunha interrupción causada pola dificultade de compaxinar a vida laboral e familiar.


a.3) Achega de carácter privado das promotoras do proxecto: máximo 20 puntos, aplicable sempre que as achegas superen a contía equivalente aos gastos subvencionables.

a.4) Interese da acción que se vai executar desde o punto de vista do desenvolvemento económico da área beneficiada, para os efectos da cal se terán en conta aquelas empresas que se implanten en localidades con maior índice de desemprego feminino, tanto no ámbito urbano coma no rural: máximo 15 puntos.

a.5) Incorporación de novas tecnoloxías cunha visión de desenvolvemento sustentable en canto á súa utilización: máximo 15 puntos.

a.6) Establecemento de recursos de conciliación como horarios flexibles ou outras facilidades: máximo 15 puntos.

b) Para o programa Emega 2:
b.1) Proxectos innovadores aplicados en sectores de menor índice de emprego feminino: máximo 10 puntos.

b.2) Proxectos innovadores aplicados en sectores e/ou zonas de salientable retroceso económico: 10 puntos.

b.3) Proxectos innovadores que conten con participación activa no seu desenvolvemento con investigadoras e científicas galegas altamente cualificadas: máximo 10 puntos.

b.4) Proxectos innovadores xurdidos de centros de investigación ou centros tecnolóxicos: máximo 10 puntos.

b.5) Proxectos innovadores xurdidos da iniciativa doutras empresas: máximo 5 puntos.

b.6) Número de postos de traballo por conta propia, con consideración especial para aqueles que vaian ser desempeñados por mulleres inactivas, desempregadas ou paradas de longa duración con especiais dificultades de acceso ao mercado laboral, así como os postos de traballo desempeñados por mulleres que se atopen en situación de especial dificultade derivada da violencia de xénero ou risco de exclusión social: máximo 10 puntos.

b.7) Número de postos de traballo por conta allea, tendo en conta a duración e características do contrato na súa totalidade, con consideración especial para aqueles que vaian ser desempeñados por mulleres desempregadas e paradas de longa duración con especiais dificultades de acceso ao mercado laboral, así como os postos de traballo desempeñados por mulleres que se atopen en situación de especial dificultade derivada da violencia de xénero ou risco de exclusión social: máximo 15 puntos.

b.8) Achega de carácter privado ao proxecto: máximo 15 puntos.
b.9) Establecemento de recursos de conciliación como horarios flexibles ou outras facilidades: máximo 15 puntos.

Artigo 10º.-Resolución.
1. A resolución dos expedientes de axudas, unha vez fiscalizada a proposta da comisión de valoración pola intervención delegada, correspóndelle á directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. O prazo para resolver será de catro meses, que se computarán a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. As subvencións concedidas publicaranse segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial do organismo e nos cinco días seguintes á notificación da concesión e unha vez recibida a aceptación, publicarase a relación de concesións con expresión da beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 11º.-Aceptación da subvención.
No prazo de cinco (5) días naturais, desde a recepción da notificación da concesión da subvención, as beneficiarias deberán manifestar por escrito a súa aceptación comprometéndose a cumprir os prazos e requisitos establecidos nesta convocatoria. De non recibirse a aceptación neste prazo entenderase que as beneficiarias renuncian á subvención inicialmente concedida e procederase, logo da resolución, ao arquivo do expediente. O escrito de aceptación dirixirase ao órgano competente para resolver e sen prexuízo da obriga de presentación por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e co fin de evitar atrasos na tramitación comunicarase por fax ao órgano competente durante o período de aceptación.

Artigo 12º.-Obrigas das beneficiarias.
1. Ademais das obrigas xerais establecidas no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia para a percepción de axudas públicas, as beneficiarias das subvencións do programa Emega están obrigadas a:

a) Non alterar o destino da subvención.
b) Iniciar a actividade nos períodos establecidos no artigo 4º. Para os efectos desta resolución enténdese que se inicia a actividade cando, no mesmo mes, se producen a alta fiscal da empresa na actividade económica e as altas das promotoras na Seguridade Social ou mutualidade profesional, sen prexuízo da facultade do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller de comprobar a realización material das actuacións propias da empresa de que se trate fronte ao público en xeral.

c) Comunicar, no prazo de 15 días, todas as variacións que se produzan na empresa.

d) Facer o investimento previsto para a creación da empresa.
e) Ter unha permanencia ininterrompida na actividade de cinco anos como mínimo e cumprir os requisitos de publicidade. Durante este tempo deberá permanecer exposto o cartel ao que se refire o artigo 16º.

f) Cumprir os compromisos asinados de creación de emprego. Os postos de traballo que se creen, sexan por conta propia ou por conta allea, teñen que estar cubertos por un período mínimo de cinco anos, computados desde que se producen as altas correspondentes no sistema da Seguridade Social ou mutualidades profesionais.

g) Efectuar a xustificación do gasto conforme o establecido nesta resolución.
h) Facilitar toda a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

i) Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa de revogación da subvención, ou de reintegro, se é o caso, dos importes percibidos e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.
1. Unha vez concedida e aceptada a subvención, o seu pagamento quedará condicionado a que as beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Orixinais das facturas ou documentos equivalentes dos gastos para os cales se concedeu a axuda polos conceptos subvencionables. Estes documentos estarán emitidos conforme a normativa aplicable e irán acompañados, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes.

b) Copia compulsada da inscrición da empresa no sistema da Seguridade Social, de ser o caso.

c) Copias compulsadas dos documentos de alta na Seguridade Social das/os traballadoras/es por conta allea e dos contratos correspondentes, segundo o compromiso de creación de emprego incorporado á solicitude.

d) Declaración responsable acreditativa do cumprimento total do orzamento previsto no proxecto, na cal constarán os importes dos gastos realmente efectuados e os datos das facturas correspondentes, asinada pola promotora ou promotoras.

e) Declaración complementaria, actualizada, do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 14º.-Período de xustificación.
1. A xustificación poderá presentarse ata o 5 de decembro de 2007 e con carácter xeral comprenderá, como máximo, gastos efectivamente realizados desde o inicio da actividade ata o 30 de novembro 2007 tendo en conta que os gastos efectuados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007 non poderán superar o 20% do importe da subvención concedida.

2. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentados solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que de non facelo procederase, logo da resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.


Artigo 15º.-Obrigas tributarias e sociais.
A presentación da solicitude comporta a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións á Axencia Estatal de Administración Tributaria, á Consellería de Economía e Facenda e á Tesouraría Xeral da Seguridade Social. Non obstante, cando non resulte posible obter a certificación telemática ou esta sexa negativa, a unidade tramitadora comunicaralle esta circunstancia ás solicitantes para que, nos cinco días seguintes, acheguen as citadas certificacións.

Artigo 16º.-Publicidade das accións.
No lugar onde se leven a cabo as accións correspondentes aos proxectos subvencionados deberá figurar, de forma visible para o público en xeral,

un cartel informativo que indique que a acción está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo adscrito á Secretaría Xeral de Igualdade e dependente da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia cos seus respectivos anagramas. O modelo de cartel coas características técnicas estará na páxina web do organismo na epígrafe de subvencións.

Nas demais accións que correspondan a proxectos subvencionados ao abeiro desta resolución non se reproducirán, en ningún documento, os anagramas das entidades e organismos cofinanciadores agás que, en aplicación da normativa vixente, se produza autorización ou instrución expresa da dirección do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 17º.-Modificación da resolución.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, de ser o caso, a súa revogación.

Artigo 18º.-Reintegro.
Procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e termos previstos nesta resolución, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na normativa europea de aplicación.

Artigo 19º.-Seguimento e control.
As actividades subvencionadas quedan sometidas, durante os cinco anos seguintes ao inicio da actividade ou á data das contratacións por conta allea comprometidas, de ser esta posterior, ás actuacións de supervisión e control do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller; e as de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda, as previstas na lexislación do Consello de Contas ou as daqueloutros organismos públicos que, de ser o caso, procedan.

Disposicións adicionais
Primeira.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá ditar resolucións de concesión de axudas de carácter complementario, cando existan fondos procedentes de renuncias expresas, de remanentes de subvencións inicialmente concedidas ou por ampliación, logo de publica

ción, do crédito inicialmente destinado no artigo 2º desta resolución. A comisión de valoración realizará propostas motivadas de adxudicacións complementarias que atenderán proxectos inicialmente desestimados por razón do baremo aplicado.

Segunda.-O prazo para a presentación da xustificación poderá ser prorrogado pola directora xeral cando se trate de subvencións concedidas con carácter complementario e comunicaráselles ás beneficiarias na notificación da resolución de concesión.

Terceira.-De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, este organismo publicará na súa páxina web oficial as concesións de subvencións segundo se indica no punto 4 do artigo 10º desta resolución, e incluirá as referidas axudas e sancións impostas por consecuencia delas nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais das persoas físicas e xurídicas beneficiarias e a referida publicidade.

Cuarta.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración estatal e autonómica, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderán realizar as comprobacións e verificacións que consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Quinta.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta resolución.

Sexta.-Ás beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras
Primeira.-A Dirección Xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2007.
Ana Luísa Bouza Santiago
Directora do Servizo Galego de Promoción
da Igualdade do Home e da Muller
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS
E TRANSPORTES



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdoga xunta.es